A mostra da barbarie na festa pirata do abordaxe!

festa-abordaxe-1

Forte
éntranme ganas de collerche
e darche o que che mereces,
iso e máis

Co gallo de recaudar diñeiro para tirar un novo nº da revista en papel e volver a súa tirada gratuíta, argallamos esta Festa Pirata na que vos convidamos a asistir con as vosas mellores galas piratas.

Forte
foi cando Nicodemo
pervertiu a San Áspide
aquel verán fatal.

A Mostra Da Barbarie estará exposta e ademáis faremos unha re-presentación da mostra e unha pequena festa coa pinchada de Post- Amor e Rabia, uns pinchos ardentes e lume para que tod@s sintádevos benvid@s.

Advertisements

DEAD MOON-In the Graveyard, Unknown Passage, Defiance

deadmoon

Ei compas! Hai grupos e grupos pero Dead Moon ocupan unha grande parte da miña consciencia. Levo escoitándoos dende o século pasado e aínda seguen poñéndome. Teño camiseta e parche e meu computador ten a lúa de Dead Moon como fondo de pantalla. O nome, que ven dunha visión da lúa nunha viaxe polo deserto, foi idea de Fred Cole e a súa compañeira Toody que xunta a Andrew, o batería, forman o trío. Pois iso, unha guitarra, un baixo, unha batería, e un cacho de boas cancións que transmiten un sentimento orixinal e autentico. Unha humilde pero autentica banda de autentico Rock’n’Roll. Eso é Dead Moon, non demasiado, pensarás, pero moito mais que todas esas bandas perdidas no circo de luces, espectáculo ou personalidades imposibles que tocan para elites ou xente entendida. INDEPENDENCIA.

Vin a Dead Moon varias veces en directo e sen ningunha montaxe superflua, baixo, guitarra e batería reducida á mínima expresión, encarnaban a nudez máxima do Rock’n’Roll. E que non precisaban de nada máis. Con o seu peculiar xeito de tomar o escenario coa batería no medio e diante, en primeira liña, unhas candeas prendidas en botellas de bourbon e un pouco de cervexa sobre a caixa que saltaba polo aire duchándonos a parte da audiencia cando Andrew a golpeaba, ían sobrados. Puro pracer e éxtase colectivo para as persoas que amamos a banda. Como dixo Toddy “as túas paixóns non cambian só porque che fagas maior. Creo que o máis importante para nós son as grandes cancións que fai Fred e que amamos estar no escenario recreándoas”. ACTITUDE.

dm3

Ademais promoven unha cooperativa, Tombstone Records. onde editan todos os seus discos. “Sempre quixemos gravar discos no noso propio selo independente. Chamamos ao selo Tombstone, como a nosa tenda de instrumentos. Ao principio pensamos en gravar soamente discos para Dead Moon, pero enseguida outras bandas locais pedíronnos axuda para rexistrar os seus primeiros discos. Tombstone é unha cooperativa de músicos e músicas na que cada banda paga os gastos de gravación e prensaxe, e nós axudamos coa distribución e vendas por correo.¨ AUTOXESTIÓN.

Recentemente unha nova e estupenda banda A Place To Bury Strangers, o grupo máis ruidoso de New York, editaron un disco exclusivamente de versións de Dead Moon. Pearl Jam teñen versionado algunhas cancións e a prensa musical eloxia ao grupo. Isto non sempre foi así, a prensa rexeitou e fixo moi malas críticas dos seus primeiros discos, por moito que agora, e dende fai xa uns anos, queiran darnos leccións mestras de rock. Non pasou o mesmo co pequeno grupo de xente e músicos que sempre recoñeceron ao grupo como unha marabilla, Cynics, Mono Men, Nomads, Cheater Slicks, Roy Loney … e aquel grande axitador que foi Kike Turmix. PAIXÓN.

dead moon 2

Dead Moon comezan no ano 1987 o ano en que rematan a súa andaina os australianos Scientists de Kim Salmon deixando preparada así a chegada do grunge. Entre ese ano e a edición do Nevermind de Nirvana que sacaría do underground a todo un movemento de boas bandas entregándoas á industria e polo tanto a súa destrución e deshumanización, Dead Moon sacan os seus tres primeiros discos In the Graveyard (1988), Unknown Passage (1989), Defiance (1990) en rigoroso branco e negro, con son mono e na súa propia casa discográfica. Isto é o que te ofrecemos pinchando nas portadas dos discos, iso si, agora remasterizados.

dm4

Etiquetado ,

O 13 de maio… aos 30 anos [ Mumia Abu-Jamal]

justice-mumia-x

Por que nos debe importar o que pasou o 13 de maio de 1985?

En serio, iso foi hai 30 anos. Xa choveu. É cousa do pasado. Enténdenme?

Case ninguén di isto – pero é o que moitos pensan.

Direilles por que importa. O que pasou naquel entón foi un antecedente do que está a pasar agora en todas as partes de Estados Unidos.

Non digo que están a bombardear á xente (aínda non).

Refírome a que o odio visceral e o violento desprezo mostrado cara a MOVE en 1985, agora se dirixe cara á xente común, non só cara aos radicais e revolucionarios como eles.

En maio de 1985, as autoridades xustificaron o ataque desapiadado contra os nenos e nenas de MOVE, dicindo que eles tamén eran “combatentes”.

onamove

En Ferguson, Missouri, cando a policía e a Garda Nacional utilizaron armas militares contra “os cidadáns”, como cren que describiron estas persoas nas súas comunicacións?

Como “inimigos”.

Que lles parece “combatentes inimigos”?

Vexamos o asasinato de Tamir Rice, de Cleveland. Só tiña 12 anos. Un neno tratado coma se fose un home.

Nenos. Homes. Nenas. Mulleres. Non lles importa.

Cando moitas persoas calaron, ou peor aínda, deron o seu amargo consentimento ao bombardeo, á balacera, á carnizaría empregada contra MOVE o 13 de maio de 1985, abriron a porta ao terrorismo policial actual en todo o país.

move_philly_85a

Hai unha liña directa que vai dende aquel momento ata agora.

O 13 de maio de 1985 conduciunos ao sinistro Robocop do presente.

Se o masacre tivese sido amplamente condenado en 1985 para que a xustiza se fixese, non poderían impoñer o terror actual en Ferguson, Carolina do Sur, Los Ángeles – ou Baltimore.

O salvaxe bombardeo policíaco do 13 de maio de 1985 e o encubrimento do asasinato de 11 homes, mulleres, nenos e nenas de MOVE, abriron unha porta que aínda non se pecha.

Estamos a vivir as consecuencias.

Escrito o 26 de abril de 2015 Mumia Abu-Jamal

Etiquetado ,

O TEATRO DA CRUELDADE [EDRA VELENOSA]

blackie

A esquerda! A esquerda! Oakland! Oakland! Berraban gran parte das vinte mil persoas que se concentraran ante o anuncio do Comité do Día de Vietnam (CDV) de que: miles de estudantes e outras persoas bloquearán as portas da estación militar de Oakland e pecharana. Avanzaban collid@s dos brazos e cantando. De fronte tiñan un importante continxente policial como anunciara o gobernador. A sombra dos disturbios de Watts, ocorridos tan só dous meses antes, polispentagonestaba presente. Os líderes do CDV, á cabeza da marcha, decidiron non xirar a esquerda, cara a Oakland, e dar media volta para regresar a Berkeley. Non querían responsabilizarse dalgunha posible morte. O desconcerto estendeuse entre a multitude. Converteuse nunha marcha fúnebre, triste e solemne.

Cando o libro de Jerry Rubin, Do It! Escenarios da revolución, cóntanos este momento parece que chega ao seu punto máis álxido. A partir de aí o libro decae aínda que podemos seguir botando unhas risas pois o libro semella un libro humorístico. Ese baixón do libro, un relato en primeira persoa daquela revolta contracultural que seduciu á xuventude amerikana da década dos 60, semella un espello do que está por vir, como si a revolución comezase a alonxarse, como si a partir de ese preciso instante o movemento converterase nun espectáculo que o sistema non tardou en recuperar e comercializar. En 1976 Jerry Rubin renega de gran parte das súas teorías revolucionarias e teoriza sobre terapias alternativas coma o ioga tántrico, a meditación, a acupuntura ou o hipnotismo. Convertese nun rico home de negocios.

Lennon-Jerry-Rubin-and-Abbie-Hoffman-

O libro permaneceu inédito en castelán ata o ano 2009 o ano en que vivimos a última folga do metal en Pontevedra. A diferencia da marcha a Oakland, a marcha a Compostela, coa que púxose fin a folga, evidenciaba un estrepitoso fracaso. 2009-07-04_IMG_2009-07-04_02 56 20_pon1metalA folga do metal non representou un símbolo álxido da loita obreira, máis ben foi o último estertor do sindicalismo oficial galego. O espectro da crise invadía o imaxinario colectivo, impoñíase o seu criterio inapelable. Ese espectro alimentou formidablemente a gula do capitalismo. A folga semellaba unha especie de esperanza, semellaba un símbolo con o que a loita obreira enfrontábase a crise. A folga dirixida por uns líderes caducos e dogmáticos que viñan representando, unha vez tras outra, o espectáculo da negociación topouse cun cambio de estratexia que si souberon ver, pero non reaccionar. Unha vez finalizada a folga, estes líderes confesaban á asemblea do metal (asemblea informativa, sempre informativa) nunha especie de terapia colectiva o seu fracaso. Confesaban que folga tras folga ao convocar un paro de 24 horas que afectaba tamén a Citroen, no derradeiro intre, antes de que ese paro fixérase efectivo, finalizábase o espectáculo coa firma dun acordo, máis ou menos malo, coa patronal. Desta vez a patronal non se presentara a este ultimato e deixaraos desarmados. Por primeira vez unha destas asembleas non repetía as dogmáticas consignas e simboloxía do machista proletariado metalúrxico e deixaba unha incógnita, unha cuestión sen resolver, un mantra que resoaba e repetíase e dicía que non había nada que facerlle. Este mantra ten hipnotizado a este proletariado ata o día de hoxe.

A tremenda malleira que o lobby do metal propinou ao seu proletariado semella un espello do que está por vir, a partir de entón a escalada chega ata decembro do 2014 cando Citroen, o símbolo, anuncia ser a vencedora da nova furgoneta K-9 na pelexa coa súa fabrica irmá en Eslovaquia. O espectáculo repítese unha vez máis. A dirección da fábrica viguesa anuncia novos e drásticos recortes, imperativamente necesarios para gañar a pelexa. Escenificase unha unión con outros líderes, cos líderes políticos, e con extraordinaria firmeza celebran a salvación. É o líder dos galegos, o novo profeta, quen recibe a revelación en París. O proletariado metalúrxico segue meditando sobre aquela incógnita, o mantra parece xa unha verdade divina, mira o simbolismo e comprende que eses recortes estenderanse por toda a comunidade, pouco a pouco, como as agullas da acupuntura cravadas no corpo.

20121103103739-celebrate1

Mentres o proletariado metalúrxico segue a practicar o ioga tántrico, imos recibindo novas traducións, novos libros, novos documentos, daquel inxenuo movemento pacifista, libertario, multirracial, visionario que tentou cambiar o mundo nos 60. Un dos acontecementos máis sorprendentes foi o intento de facer levitar o Pentágono. O Pentágono, dicían, é o símbolo relixioso do mal, a idea era realizar un exorcismo que eliminara os malos espíritos, expulsar aos demos. Ed Sanders un das personaxes da contracultura underground de New York, e compoñente de The Fugs, fugso xenial grupo de Rock, teimudo militante, dixo: alugamos un camión de plataforma e un equipo de son e expulsamos aos demos. Esta no disco Tenderness Juction.. Non funcionou, a guerra seguiu sete anos máis. Confiabamos en que funcionara, pero non estabamos preparados para colocarnos debaixo se o recinto levitaba. Como Ed Sanders moitas persoas das que a historiografía oficial chama líderes daquel movemento acudiron á singular convocatoria. A experiencia do CDV, e tantas outras, fixo renunciar a esas persoas da condición de líder o cal manifestaron reiteradamente. Dende logo querían loitar e axitar pero non querían responsabilizarse de ningunha cousa que fora feita por outra persoa, das convocatorias ou das mortes. Xurdira, por exemplo, un partido político, o Partido Internacional da Xuventude, YIPPIE. fthemanAs persoas yippies foron consideradas inimigas públicos número uno durante o seu período máis activo. As razóns non eran outras que a súa disposición á militancia, a súa capacidade de levar ás barricadas á mocidade branca de clase media e a vontade de establecer vínculos operativos con grupos afroamericanos como os Black Panther e outras minorías radicais organizadas. O seu líder e candidato a presidencia dos EEUU era un porco chamado Pigasus. Se queres un líder toma porco.pigasus Mentres Ed Sanders estaba co seu equipo de son e santonas recitaban poesía, outras persoas comezaron o asalto ao Pentágono enfrontándose e berrando aos soldados , pelexando e agasallando flores. Sen normas, sen discursos, sen líderes, espíndose, dando puñazos aos militares, saltando muros, cantando, bailando, pintando o edificio, atacando e entrando. Gaseando LACE unha droga sexual, un afrodisíaco instantaneo, mistura de LSD y DMSO. Mais arriba. mais arriba, ata que este ben colocado. Teatro de guerrilla, teatro de rúa que invocaba a Antonin Artaud pois unha acción puramente simbólica provocou, como pedía Artaud, vínculos dolorosos e máxicos coa realidade e o perigo, envolvendo a persoa espectadora na acción, colocarse ao outro lado do espello.

war-protesters-at-pentagon-1967

Un ambiente semellante, menos intenso de feito, vivíase naquelas mobilizacións das folgas do metal. A intensidade do presente vivido, a súa impredicibilidade, o sentimento de comunidade e diversión. Os fortísimos petardos, as columnas de fume dos contenedores de lixo e, sobre todo, o silencio que da paso a un hu…, hu…, hu…, unha especie de 20090701231138berro gutural interpretado en perfecta afinación por centos de persoas ao unísono, dirixido a policía intres antes de que comece o enfrontamento, cando o proletariado tiña nas súas mans a policía, a dous pasos dela para esnaquizala. Sen embargo non estaba preparado, non quería esnaquizala, nese intre non imaxinou outra alternativa, esnaquizala ou nada, era todo teatro e non avanzou. Xiraron cara atrás, buscando aos líderes.

debuxo-1

III encontro ANARQUISTA DO Libro NA GUARDA

Cartaz Feira do Libro

Somos a amenaza 

A peste negra na cidade

Os días Venres 24, Sábado 25 e domingo 26 de Abril o virus da liberdade vaise contaxiar na Feira do libro Anarquista da Guarda.   A Mostra da Barbarie estará exposta.

Somos o cancro

desta bella sociedade.

Ademais, o Sábado 25 ás 21:30 no C.S. Fuscalho faremos unha re-presentación da mostra e unha pequena festa coa pinchada de Post- Amor e Rabia, uns pinchos ardentes e lume para que tod@s sintádevos benvid@s.

cartaz aguarda

Etiquetado ,

edra velenosa pincha na casa colorida de nigrán

Imos, imos e deixa que te pase 

Ei, ei , ei imos e deixa que te pase

Tes que abrir a túa mente

e deixar todo chegar…

debuxo

Dí  Edra Velenosa que aínda queda un rock que conserva a súa esencia contracultural, que esta oculto sen ter que ser clandestino, é como si estivese baixo a superficie e desenrola uns códigos que non son os dominantes, para entendelos so hai que mergullarse e descubrir un mundo cheo de vida.

A sesión de pinchadiscos que vai facer Edra Velenosa vai mostrar un pequeniño cacho dese Rock. Ademais vai  ser un rato para conversar, concordar, confraternizar, convivir, conxurarse, conspirar,  confiar, convidar,  confundir, con…, e escoitar boa música feita polo pobo.

 

psychic tv-snakes

ptv2

Psychic TV é un dos grupos de Genesis P-Orridge. Genesis P-Orridge é algo así como un moi inquedo terrorista cultural. Leva dende os anos 70 cuestionando o concepto de arte de moi diversas formas, música, performance, exposicións, escritura, teatro, cine, prácticas espirituais… revelando a cultura oculta da clase traballadora, aquela que existe por debaixo do aparente. A súa vida é consecuente con o seu facer, rexeitando toda convención social e queimando o vello mundo. Un exemplo do radicalismo polo que camiña, foi o que experimentou coa súa musa é compañeira Lady Jaye, ao crear o que chamaron o “Pandróxino”: unha soa entidade que transcende o xénero e a individualidade, a unión do feminino e o masculino con todas as cousas, ou a unión total dos xéneros.. Genesis-P-Orridge-1Ela alterou o seu nariz e queixo para que se parecesen máis ás del; el alterouse pómulos e fazulas para achegarse ao contorno facial da súa amada. Logo viñeron os implantes nos peitos, maquillaxe, peiteado, vestidos, hormonas e máis operacións. Como di o propio Genesis P-Orridge: “a Pandroxenia trátase da unión dos opostos, a través desa reunión, a transcendencia do binario e esta ilusión, dun sistema social polarizado”. Todo elo motivado por un profundo amor. Lady Jaye morreu no 2007.

Genesis-P-Orridge-13

Cando o pasado Setembro ía cara un concerto de Psychic TV, sen lembrar ter escoitado o grupo, pensaba que posiblemente sería un concerto interesante, que ía ser unha música machacadora entre industrial e electrónica, que o mellor ía estar nas letras das cancións, pero que de todos xeitos pagaba a pena ver o que facían esa xente tan colgada. Erraba. Cando saíron a o escenario comezou unha fermosísima experiencia espiritual a que fúmonos sumando o público pouco a pouco ata chegar a unha verdadeira comunión co grupo. O xeito de vida consumista coa súa mercantilización do tempo libre fai que as persoas so teñamos experiencias materialistas. Así o arte, por exemplo, converteuse nunha industria que proscribiu ao irracional, ao espiritual, esa necesidade humana pola que podemos equilibrarnos. ptv4Coa morte dos deuses, dos que xa sabemos que están as ordes do poder establecido, unha parte da poboación occidental busca nas relixións primitivas ou lonxanas, nas tradicións ancestrais, no universo, ou en outras transcendencias satifacer esa espiritualidade perdida. É a poboación occidental, co seu característico superego individualista, créndose o centro do mundo. Buscando, cada individualidade, a súa propia redención atopan novos deuses que seguen permitindo a inxustiza, a guerra, o dogma, e esquécense de todo condicionamento materialista, económico, opresivo ou de clase. Esquécense da moral que obriga a enfrontarnos ao sistema. Esquécense que non todas as persoas somos iguais. Esquécense de quen son a raíz do mal.

O concerto de Psychic TV foi unha experiencia espiritual, como todo o que nos enche dun gozo profundo, irracional e comunal. Foi fermosísimo pois o fío condutor non era outro que o amor. Había ese algo na música, na seguridade e firmeza coa que tocaban, que fainos sentir, emocionarnnos, achegarnos ao pracer e a felicidade. Transmitir iso só pode facelo alguén que encamiñe a súa vida cara elo e goce desas experiencias, por si mesmo. 18.A Psychic TV (2 de 2)Genesis P-Orridge semellaba un vello hippie saído da comuna do amor, da comuna que queimara o vello fogar, da irredutible comuna contestataria. Con modestia e sen grandes artificios sucédense as cancións e imos elevándonos máis e máis. Mágoa que non rularan por alí uns puros Sandoz, daqueles que facía directamente Albert Hoffman no laboratorio suízo, que durante un tempo, moi pouco, podíanse atopar naqueles Human Be-In que revolucionaron a xuventude da década dos 60. Hoffman aseguraba que unha boa experiencia con LSD acurtaba o camiño do autocoñecemento e abría de tal xeito as percepcións que achegabanos á comprensión do que nos rodea. Era unha ferramenta que aforraba moito do tortuoso e lento camiño do estudo ou da meditación.

Psychic TV presentaban o seu novo disco Snakes e sorprenderon a o público. As cancións eran descoñecidas, xa que logo, o disco aínda non mirara a luz. Vaivos resultar difícil gozalo coma min, se que non estivestes no conceratazo, pero podedes intentalo pinchando na imaxe da súa portada.

cover

Etiquetado , ,

O MISTERIO DA SHARIA [EDRA VELENOSA]

el cojo manteca -

Corría o mes de xaneiro do 1987 e unha fotografía invadía as portadas dos diarios do reino de España e do estranxeiro. Nesta fotografía aparecía un rapaz punk que coa súa muleta golpeaba o letreiro da estación de metro de Banco de España mentres producíase un enfrontamento entre a policía e a manifestación contra a LOGSE, daquela, a nova lei de educación .

O fotografado era Jon “O coxo” Manteca que, pese a non ser estudante nin ter ningunha relación coas protestas, se converteu no símbolo daquelas mobilizacións estudantiis contra a LOGSE. Un símbolo que ocultaba un misterio, un símbolo que alertaba dun perigo, un símbolo que evidenciaba, ou pretendía evidenciar, o intolerable das protestas, un símbolo de violencia gratuíta. Desta vez o “Cuarto Poder” elixira a Jon pola súa pinta Punk, a súa perna mutilada ou unha cicatriz que percorría a súa cabeza de lado a lado. Foi esta unha elección seguidora da doutrina de Cesare Lambroso, o intelectual italiano que un século antes definía ao delincuente polo seu aspecto físico.

imageNa súa chupa Jon lucía tamén un símbolo, o símbolo da paz do movemento hippie. Paz, amor e liberdade xunto a unha frase que a xeito de pintada decoraba a súa chupa “mata curas” coas ¨as¨ rodeadas dun círculo.

Seis anos antes, en Vigo, o grupo Siniestro Total era a vangarda do punk peninsular. Tamén eles coma Jon estaban influenciados polo movemento hippie dun xeito un tanto estraño. A canción do grupo Matar Jipis en las Cies, unha das súas primeiras cancións, relataba unha masacre, ao xeito dunha peli gore de serie B, da xente nova que daquela acampaba nas illas durante a tempada de verán. A pesares da súa temática, moi violenta e dun dubidoso sentido do humor, a canción foi escoitada, cantada e bailada pola xuventude da época. Se algo caracteriza ao Siniestro Total daquela época é ese dubidoso sentido do humor e se “Matar Jipis en las Cies” tivo éxito a canción que acompañábaa foi un rotundo e instantáneo clásico. Falo de “Ayatollah!, no me toques la pirola” onde quedaba ben clariño que a sátira era o principal valor, xunto coa provocación e o mal gusto, da banda. A canción que foi descrita como unha parodia obscena do fundamentalismo islámico non parou de soar pola Radio Nacional de España e alegrou durante moito tempo todo tipo de festas. siniestro total

 

O Ayatollah máis famoso daquela época era sen lugar a dúbidas Jomeini. Este relixioso e asceta chiita, dende o seu exilio en París, foi o líder da chamada revolución iraniana que fixo ao Sha de Persia abandonar o Irán. Poñíase así fin a tanta desmesura provocada pola riqueza do petrodólar. Poñíase fin a occidentalización do país e á cruel e caprichosa SAVAK (a temible policía do Sha). O 13 de xaneiro de 1979 Jomeini constituíu en París un Consello da Revolución Islámica, tres días despois o Sha e a súa familia abandonaban Irán e o 1 de Febreiro, o avión que levaba a Jomeini aterrou no aeroporto de Teherán, onde se lle tributou un gran recibimento. jomeini_regreso_1979O 1 de abril proclamou a República Islámica e o 3 de agosto celebráronse eleccións para unha Asemblea Constituínte, na que o Partido da Revolución Islámica fíxose coa case totalidade dos escanos. Este estado islámico xa non ía aturar os ditados occidentais polo que recuperou o seu idioma como o oficial e as súas costumes; entre elas a xurisprudencia islámica, a Sharia. A Sharia, que literalmente quere dicir “o camiño da paz”, ten como fontes ao Corán (Revelación), o Hadiz (Narración, da vida do profeta Muhamed), o Iljma (consenso da Ummah. A Ummah é a comunidade islámica do conxunto de seguidores do islám) e a Jihad (esforzo de reflexionar). Un corpo lexislativo que encerra un misterio. Pronto Jomeini foi considerado un perigoso fundamentalista e instigador de grupos terroristas polo secretariado de asuntos exteriores dos EEUU. Daquela xa, as malas relacións e a intromisión en asuntos alleos dese secretariado provocaba reaccións terroristas. Sen embargo ese “camiño da Paz” ía tomar un rumbo estraño. O 22 de Setembro de 1980 o presidente de Irak, Saddam Hussein, atacaba ao Irán, comezaba a Ŷang-e-tahmilí ( guerra imposta) ou Defâ’-e-moqqaddas (santa defensa) ou guerra do golfo que durou ata 1988.

Inmediatamente despois de que Jon “o coxo” manteca saíra fotografado, o alumnado do Instituto de Bacharelato Meixueiro de Vigo sumábase as protestas contra a LOGSE. Dun xeito espontáneo e autónomo elixíronse delegados e delegadas de folga por cada clase. Decidiuse cortar o tráfico diante do instituto. Os cortes de tráfico comezaban as 9 da mañá e duraban ata a 1 da tarde. Estes cortes prolongáronse durante moitos días, quizais meses, polo que a principal vía de saída e entrada da cidade víase seriamente afectada. A fotografía do misterioso Jon provocaba unha reacción nunha das cidades berce do punk, e nos cortes de tráfico reinaba un cachondeo, que non bo rollito, comparable ao de “Ayatollah!, no me toques la pirola”. Todo ía ben ata que un día a policía nacional, que ata ese momento paseábase entre a protesta, cargou ferindo polo menos a unha alumna nas costas gravemente. A maña seguinte, a primeira hora, o instituto bulía facendo unha colecta para gasolina, que se mercaba na gasolineira que estaba ao lado. Os máis fortes foron buscar troncos grandes ao serradoiro do lado. Comezaba o enfrontamento coa policía. Primeiro cortábase o tráfico e en canto aparecía a policía liscábase rápidamente para dentro do instituto dende onde gozábase dunha posición estratéxica superior para o lanzamento de cócteles molotov e troncos polo desnivel que ían parar ao medio da carreteira de Madrid. Os enfrontamentos duraron varias semanas.

Este enfrontamento foi noticia para o “Cuarto Poder” aínda que só a nivel local. Mais as novas aparecidas eran portadoras dun grande misterio para o alumnado do instituto. Onde sacaran que había dirixentes? Onde sacaran que había dirixentes violentos e con antecedentes penais nas protestas? Onde sacaran que estes dirixentes estaban vinculados a partidos políticos independentistas? Onde sacaran que estes dirixentes formaranse e tiñan contacto directo con ETA?

A lenda conta que “nada é verdade, todo está permitido” foron ás derradeiras palabras que dixo Hassan ibn Sabbah, o vello das montañas. Este foi un asceta e fundador da antiga e escura seita dos asasinos, que dende a súa fortaleza de Alamut, no actual Irán, enfrontouse ao imperio do Sultán a principios do século XI. Cunha estratexia proto-terrorista, asasinou a dirixentes políticos e militares do imperio e provocou o terror en todos eles. w_borroughsO escritor William Burroughs, que pola súa vida e a radicalidade de toda a súa obra foi un dos precursores ideolóxicos do movemento punk, consideraba a Hassan ibn Sabbah como un dos seus mentores. Burroughs dixo que a frase “nada é verdade, todo está permitido” encerraba un misterio. O alumnado do Instituto de Bacherelato Meixueiro de Vigo topoulle un posible significado ás palabras de Hassan ibn Sabbah e así resolveu o misterio do Cuarto Poder.

a fraga de Hambasch

 Scan234

Hipnotizante documental. Grazas a traduzón dun compa podemos escoitar e entender as persoas que deciden escoller o camiño da vida rexeitando o da morte. Unhas persoas coma ti e coma mín. Non cho perdas!

 

 

 

 

 

 

 

Etiquetado ,

A MOSTRA DA BARBARIE DISPARA EN PONTEAREAS

cartel MOSTRAdaBARBARIEPONTE
Tres balas negras de plomo.

Se a primeira bala diparámola no Morrazo e a segunda en Arousa, esta terceira a dispararemos no Condado. Será o Sábado 5 de Xullo partir das 20:00, e durante toda a noite, no C.S.A. O Fresco de Ponteareas onde inauguraremos a Mostra Da Barbarie cunha pequena festa para que vos sintades benvid@s.

Tres balas negras de plomo.

Grazas a complicidade de tres colectivos, cadanseu coa súa bala, é posible a exposición da Mostra da Barbarie no Condado. Unha bala disparada polo Ateneo Libertario Lume Negro, outra polo C.S.A. O Fresco e a outra polo colectivo da Mostra da Barbarie.

E por suposto, se podedes rular isto por ahí, nos encantad@s e agradecid@s.

http://mostradabarbarie.wordpress.com/

Unha Aperta!

Colectivo da Mostra da Barbarie

 

Etiquetado ,