a arte como actividade vital ( ou “arte versus traballo”) [colectivo desface]

contra el arte        E difícil non estar de acordo coa afirmación de Marx de que o traballo é a actividade que distingue e define ao ser humano, a que lle outorga a súa particularidade como especie. Xa que o traballo é o momento en que o home/muller non só produce obras, senón que tamén se produce a si mesm@ e produce ao mundo que o rodea, incluída a natureza.
Tampouco é fácil desestimar, á vaiche boa, a súa teoría do alleamento, que dá sentido ao conxunto da súa elaboración crítica. Nela Marx propón que no proceso de traballo asalariado (onde a actividade do traballo está supeditada ao marco das relacións de produción capitalistas), a persoa traballadora non só se separa da obra que produce, xa que non lle pertence, senón que se allea da súa propia forza de traballo, entendida como a súa especial capacidade creadora e produtiva. É dicir, dáse o paradoxo de que no traballo (actividade na que o home/ muller debese realizar) o ser humano se disocia do que lle define como especie. O traballo, a actividade vital do home/muller, é arrebatado a persoa traballadora no proceso produtivo, polo tanto esta non pode establecer unha relación de identidade coa súa obra nin consigo mesma, está allea de si. O traballo, de ser a actividade libre e creadora da especie, pasa a converterse na fonte de todo o seu sufrimento.
Ao transformarse o traballo en mercadoría, vendida no mercado por un salario (o seu prezo en valor de cambio, ou diñeiro), a persoa creadora estraña de si a súa esencia, cédea (vende) a outra, a fai allea. Pero esta cesión non é voluntaria (como argumenta a economía política clásica), é condición estrutural dun sistema organizado en función da acumulación do capital e da explotación. Logo, a persoa traballadora, separada da súa esencia, xa non experimenta goce algún no traballo, pola contra, nel séntese angustiada, e intenta atopar satisfacción fóra da actividade laboral, nas funcións animais ou corporais, que tenden á reprodución do individuo e da especie, e que xa foron cooptadas pola industria da diversión.
Os alcances desta esgazadura, desdobramento ou alleamento, son insospeitados, e estenden os seus ramaxes a todas as esferas da existencia humana, incluída a teoría do coñecemento, a ciencia, a filosofía, a psicoloxía, a vida cotiá, etc.
Neste contexto aparece a arte, definido habitualmente como unha actividade distinta e contraposta ao traballo. A arte, aparentemente, conserva as características orixinais do traballo, é o espazo da libre expresión da esencia do home/muller, o lugar do despregue da actividade vital fóra da lóxica do intercambio mercantil. A capacidade produtiva, creadora, transformadora e inventiva do home/muller trasládase desde a esfera do traballo cara á esfera da arte. A arte, no seu concepto máis romántico e contemporáneo, non ten unha función en si, simplemente é un modo de expresión da experiencia de estar no mundo, a arte pola arte, pola simple necesidade do home/muller de exteriorizar o seu ser, o seu mundo onírico, a súa imaxinación, os seus desexos, os seus pesadelos, etc. Primariamente, na arte, o home/muller quere representarse e representar o mundo que lle dá sentido, exteriorizar os seus delirios e despregar unha linguaxe metafórica que lle permita falar do que a linguaxe común non lle permite expresar: a experiencia do sublime, do cotián, do finito e do infinito, do sagrado e o mundano.

Cuarta hipótese de loita:
A arte moderna só ten sentido no contexto dunha sociedade onde o traballo humano faise alleo. Non existiría a arte si non fose porque a actividade vital do home/muller, o traballo, segue estando sometida a un réxime de explotación.

Advertisements
Etiquetado , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: