O MISTERIO DA SHARIA [EDRA VELENOSA]

el cojo manteca -

Corría o mes de xaneiro do 1987 e unha fotografía invadía as portadas dos diarios do reino de España e do estranxeiro. Nesta fotografía aparecía un rapaz punk que coa súa muleta golpeaba o letreiro da estación de metro de Banco de España mentres producíase un enfrontamento entre a policía e a manifestación contra a LOGSE, daquela, a nova lei de educación .

O fotografado era Jon “O coxo” Manteca que, pese a non ser estudante nin ter ningunha relación coas protestas, se converteu no símbolo daquelas mobilizacións estudantiis contra a LOGSE. Un símbolo que ocultaba un misterio, un símbolo que alertaba dun perigo, un símbolo que evidenciaba, ou pretendía evidenciar, o intolerable das protestas, un símbolo de violencia gratuíta. Desta vez o “Cuarto Poder” elixira a Jon pola súa pinta Punk, a súa perna mutilada ou unha cicatriz que percorría a súa cabeza de lado a lado. Foi esta unha elección seguidora da doutrina de Cesare Lambroso, o intelectual italiano que un século antes definía ao delincuente polo seu aspecto físico.

imageNa súa chupa Jon lucía tamén un símbolo, o símbolo da paz do movemento hippie. Paz, amor e liberdade xunto a unha frase que a xeito de pintada decoraba a súa chupa “mata curas” coas ¨as¨ rodeadas dun círculo.

Seis anos antes, en Vigo, o grupo Siniestro Total era a vangarda do punk peninsular. Tamén eles coma Jon estaban influenciados polo movemento hippie dun xeito un tanto estraño. A canción do grupo Matar Jipis en las Cies, unha das súas primeiras cancións, relataba unha masacre, ao xeito dunha peli gore de serie B, da xente nova que daquela acampaba nas illas durante a tempada de verán. A pesares da súa temática, moi violenta e dun dubidoso sentido do humor, a canción foi escoitada, cantada e bailada pola xuventude da época. Se algo caracteriza ao Siniestro Total daquela época é ese dubidoso sentido do humor e se “Matar Jipis en las Cies” tivo éxito a canción que acompañábaa foi un rotundo e instantáneo clásico. Falo de “Ayatollah!, no me toques la pirola” onde quedaba ben clariño que a sátira era o principal valor, xunto coa provocación e o mal gusto, da banda. A canción que foi descrita como unha parodia obscena do fundamentalismo islámico non parou de soar pola Radio Nacional de España e alegrou durante moito tempo todo tipo de festas. siniestro total

 

O Ayatollah máis famoso daquela época era sen lugar a dúbidas Jomeini. Este relixioso e asceta chiita, dende o seu exilio en París, foi o líder da chamada revolución iraniana que fixo ao Sha de Persia abandonar o Irán. Poñíase así fin a tanta desmesura provocada pola riqueza do petrodólar. Poñíase fin a occidentalización do país e á cruel e caprichosa SAVAK (a temible policía do Sha). O 13 de xaneiro de 1979 Jomeini constituíu en París un Consello da Revolución Islámica, tres días despois o Sha e a súa familia abandonaban Irán e o 1 de Febreiro, o avión que levaba a Jomeini aterrou no aeroporto de Teherán, onde se lle tributou un gran recibimento. jomeini_regreso_1979O 1 de abril proclamou a República Islámica e o 3 de agosto celebráronse eleccións para unha Asemblea Constituínte, na que o Partido da Revolución Islámica fíxose coa case totalidade dos escanos. Este estado islámico xa non ía aturar os ditados occidentais polo que recuperou o seu idioma como o oficial e as súas costumes; entre elas a xurisprudencia islámica, a Sharia. A Sharia, que literalmente quere dicir “o camiño da paz”, ten como fontes ao Corán (Revelación), o Hadiz (Narración, da vida do profeta Muhamed), o Iljma (consenso da Ummah. A Ummah é a comunidade islámica do conxunto de seguidores do islám) e a Jihad (esforzo de reflexionar). Un corpo lexislativo que encerra un misterio. Pronto Jomeini foi considerado un perigoso fundamentalista e instigador de grupos terroristas polo secretariado de asuntos exteriores dos EEUU. Daquela xa, as malas relacións e a intromisión en asuntos alleos dese secretariado provocaba reaccións terroristas. Sen embargo ese “camiño da Paz” ía tomar un rumbo estraño. O 22 de Setembro de 1980 o presidente de Irak, Saddam Hussein, atacaba ao Irán, comezaba a Ŷang-e-tahmilí ( guerra imposta) ou Defâ’-e-moqqaddas (santa defensa) ou guerra do golfo que durou ata 1988.

Inmediatamente despois de que Jon “o coxo” manteca saíra fotografado, o alumnado do Instituto de Bacharelato Meixueiro de Vigo sumábase as protestas contra a LOGSE. Dun xeito espontáneo e autónomo elixíronse delegados e delegadas de folga por cada clase. Decidiuse cortar o tráfico diante do instituto. Os cortes de tráfico comezaban as 9 da mañá e duraban ata a 1 da tarde. Estes cortes prolongáronse durante moitos días, quizais meses, polo que a principal vía de saída e entrada da cidade víase seriamente afectada. A fotografía do misterioso Jon provocaba unha reacción nunha das cidades berce do punk, e nos cortes de tráfico reinaba un cachondeo, que non bo rollito, comparable ao de “Ayatollah!, no me toques la pirola”. Todo ía ben ata que un día a policía nacional, que ata ese momento paseábase entre a protesta, cargou ferindo polo menos a unha alumna nas costas gravemente. A maña seguinte, a primeira hora, o instituto bulía facendo unha colecta para gasolina, que se mercaba na gasolineira que estaba ao lado. Os máis fortes foron buscar troncos grandes ao serradoiro do lado. Comezaba o enfrontamento coa policía. Primeiro cortábase o tráfico e en canto aparecía a policía liscábase rápidamente para dentro do instituto dende onde gozábase dunha posición estratéxica superior para o lanzamento de cócteles molotov e troncos polo desnivel que ían parar ao medio da carreteira de Madrid. Os enfrontamentos duraron varias semanas.

Este enfrontamento foi noticia para o “Cuarto Poder” aínda que só a nivel local. Mais as novas aparecidas eran portadoras dun grande misterio para o alumnado do instituto. Onde sacaran que había dirixentes? Onde sacaran que había dirixentes violentos e con antecedentes penais nas protestas? Onde sacaran que estes dirixentes estaban vinculados a partidos políticos independentistas? Onde sacaran que estes dirixentes formaranse e tiñan contacto directo con ETA?

A lenda conta que “nada é verdade, todo está permitido” foron ás derradeiras palabras que dixo Hassan ibn Sabbah, o vello das montañas. Este foi un asceta e fundador da antiga e escura seita dos asasinos, que dende a súa fortaleza de Alamut, no actual Irán, enfrontouse ao imperio do Sultán a principios do século XI. Cunha estratexia proto-terrorista, asasinou a dirixentes políticos e militares do imperio e provocou o terror en todos eles. w_borroughsO escritor William Burroughs, que pola súa vida e a radicalidade de toda a súa obra foi un dos precursores ideolóxicos do movemento punk, consideraba a Hassan ibn Sabbah como un dos seus mentores. Burroughs dixo que a frase “nada é verdade, todo está permitido” encerraba un misterio. O alumnado do Instituto de Bacherelato Meixueiro de Vigo topoulle un posible significado ás palabras de Hassan ibn Sabbah e así resolveu o misterio do Cuarto Poder.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: